Fundación Misael Prieto

No ano 2006, os socios da cooperativa aproban a iniciativa de constituír unha fundación co nome de Misael Prieto en honor ao fundador da cooperativa, don Misael Prieto García.

A Fundación constitúese en escritura pública o 23 de decembro do ano 2008, e ten por obxecto e fins principais a realización, de forma directa ou concertada, de programas de integración social, asistencia social e inclusión de discapacitados físicos ou psíquicos, sensoriais ou mentais; destacando prioritariamente a formación de emprego e a accesibilidade e superación de barreiras de calquera clase. 

O órgano de goberno, representación e administración da fundación é o Padroado que está composto por oito membros, dos que dous deles son membros do Consello Reitor da Cooperativa.

Nestes anos a fundación Misael Prieto, centrada no campo da formación de discapacitados, en colaboración con distintas entidades (Mancomunidade de Municipios de Ferrol e Comarca, Asociación Virxe de Chamorro e Cogami), iniciou a formación práctica de persoas con discapacidade psíquica; que impartiu nas instalacións propias e nas da Cooperativa de Meirás, coa que ten subscrito un convenio de colaboración.

Así, no exercicio 2015, a fundación e co concurso da Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios Soc. Coop. Galega, marcouse o obxectivo de dar formación práctica a un mínimo de seis discapacitados psíquicos no sector de agrotendas e supermercados (mozos de almacén) e na gasolineira (axudante de expedendor de combustible), que estean integrados en asociacións ou colectivos sitos no noso contorno.